miércoles, 2 de febrero de 2011

TALLER DE CANTO CORAL CON JAVIER BUSTO






Por segundo ano consecutivo, a Aula de Música da Universidade da Coruña organiza un obradoiro de canto coral. A experiencia do anterior, en que non faltaron momentos de emoción, resultou ilusionante para os cantores e para o público asistente á conferencia-concerto; por isto, unha vez máis quixemos contar co bo facer e a humanidade de Javier Busto, mestre internacional que desenvolve o seu labor coral en múltiples facetas (dirección, composición, ensino...) que avalan unha traxectoria recoñecida en todo o mundo.

Dado o interese que pode suscitar, esta vez queremos ofrecer a actividade a calquera persoa, preferentemente con idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos e con coñecementos musicais probados (profesorado e alumnado de música da UDC, de conservatorios, de institutos ou de escolas de música). Contamos coa participación, como coro base, da Camerata Vocal da UDC e o Coro de Cámara da Coruña.

Por motivos de espazo vémonos na necesidade de limitarmos o número de prazas a un máximo de 35. O prezo da matrícula inclúe o xogo de partituras, que se enviará en formato PDF por correo electrónico unha vez recibido o ingreso, coa excepción da obra de Busto titulada Francisco Pino: Poemas, que se remitirá por correo ordinario. Aconséllase o estudo previo do material para un mellor aproveitamento do obradoiro.

Concederáselles un diploma de participación ás persoas que asistan ao 80% do tempo de traballo previsto, polo que se controlará a asistencia.

Julián Jesús Pérez Fernández
Director da Aula de Música

No hay comentarios: